A colaboración entre empresas e administracións para dar pulo aos sectores produtivos na provincia segue adiante con novos acordos. A recén creada Fundación Agroalimentaria Galega, impulsada baixo o amparo da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), contará co apoio da Deputación provincial para reactivar o sector primario lucense.
A FUNDACIÓN INCORPORA A ESCOLA DE CARNICEIROS DE GALICIA
Este foi o resultado da reunión mantida o pasado 2 de marzo entre o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o presidente da Fundación Agroalimentaria Galega, Carlos Cebrián, á que tamén asistiu o secretario xeral da CEL, Jaime López. Na xuntanza, Tomé expresou o seu apoio e o da institución provincial a esta nova fundación, que incorpora tamén a Escola de Carniceiros de Galicia, que ten a súa sede en Castro de Rei. Este centro arranca co obxectivo de formar persoal especializado e mellorar a inserción laboral do alumnado.
O mandatario provincial sinalou que os obxectivos da Fundación “están en sintonía” con algunhas das liñas de actuación “prioritarias” da Deputación, como son “o apoio aos sectores produtivos”, en especial o sector primario “como motor da economía da provincia”.
A Fundación Agroalimentaria Galega abrangue organizacións empresariais, empresarios individuais, e outras entidades mercantís ou asociativas da comunidade para promover o sector agroalimentario e potenciar o medio rural. Un dos obxectivos é favorecer que as empresas poidan completar os ciclos produtivos en Galicia, e incrementar o valor do PIB comunitario. •