Galicia reciclou en 2020 unha media de 322 envases de vidro por minuto

• Por habitante, a media foi de 18,3 quilos de vidro
• A comunidade conta con preto de 17.000 contedores verdes para depositar este tipo de envases

A reciclaxe do vidro consolídase en Galicia a pesar do confinamento domiciliario e os peches da hostalería, aínda que cunha caída do 5% respecto a 2019. (Foto: Pixabay)

Ecovidrio presentou o informe anual de reciclaxe do vidro en Galicia, correspondente ao exercicio de 2020. O documento ofrece cifras positivas que demostran «o esforzo» da sociedade galega por avanzar nunha xestión máis eficiente dos residuos.

63 ENVASES DE VIDRO RECICLADOS DE MEDIA POR PERSOA EN GALICIA DURANTE 2020
En 2020, e segundo Ecovidrio, os galegos depositaron unha media de 322 envases de vidro por minuto nos contedores verdes, o que supuxo unha media de 63 envases por persoa. En canto a volume, recolléronse 49.380 toneladas de residuos de vidro, que implica que cada galego depositou no contedor correspondente unha media de 18,3 quilos deste material. Por día, a cifra global de depósito de envases de vidro superou as 463.000 unidades.

AS PROVINCIAS ATLÁNTICAS, AS QUE MÁIS RECICLAN DE GALICIA
En canto ao reparto territorial, A Coruña e Pontevedra foron as provincias máis activas en reciclaxe de vidro, cunha media de 18,1 quilos e 17,7 quilos por habitante, respectivamente. Tanto Lugo como Ourense rexistraron unha media de 15,6 quilos de vidro por habitante durante o pasado ano.
Para facer posible esta actividade, Sogama ten distribuídos por Galicia un total de 16.970 contedores verdes. Xunto ás cantidades recollidas nestes puntos, puideron recuperarse 20.600 toneladas de vidro procedentes das bolsas negras no complexo medioambiental que Sogama ten na localidade coruñesa de Cerceda.

EFECTOS DA PANDEMIA
A pesar dos bos datos da reciclaxe, a pandemia alterou os datos habituais, xa que en 2020 o depósito de vidro baixou un 5% respecto ao ano anterior, algo similar ao que sucedeu no resto de España, que rexistrou unha caída do 6%. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Camiño de Inverno disporá de 34 prazas no futuro Albergue de Diomondi

Seguinte Nova

Arrancan as obras de mellora da estrada provincial entre Ferreira de Pantón e Escairón

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: