
O Concello da Pobra do Brollón ten en marcha unha iniciativa que reúne solidariedade e protección do medio ambiente. Dende o Consistorio están a animar á veciñanza a usar as seis composteiras comunitarias instaladas hai tres anos e, como informou a técnica municipal de Medio Ambiente, Elvira Martínez, “foron moi ben recibidas” no seu momento, “pero agora queremos darlles un novo impulso”.
O 30% DO PESO ANUAL DO COMPOST PRODUCIDO DOARASE EN QUILOS DE ALIMENTOS
A iniciativa municipal consiste en trocar o compost producido nestes dispositivos por alimentos para as persoas máis desfavorecidas. O procedemento será o seguinte: ao final de ano, pesarase todo o compost resultante dos depósitos comunitarios, e o 30% do seu peso total doarase en quilos de alimentos.
Martínez sinalou que “deste xeito, a compostaxe ten unha dobre vantaxe para a xente”. A técnico municipal de Medio Ambiente salientou que, participando nesta iniciativa, “coidamos do noso medio natural e somos solidarios cos nosos veciños”. Por outra banda, o compost producido nas composteiras comunitarias “queda á disposición de quen o queira usar para fertilizar os seus xardíns e hortas”.
CONCELLO PIONEIRO EN RECICLAXE
Para animar á veciñanza, o Concello da Pobra do Brollón distribuiu carteis e un vídeo explicativo nas redes sociais. Cómpre lembrar que este municipio foi pioneiro na provincia na instalación de composteiras comunitarias e de iniciativas de impulso á reciclaxe, como o punto limpo móbil e a recollida a domicilio de residuos voluminosos.•