• A escritora e traductora sarriá é a protagonista da gran cita cultural do galego neste ano
• A exposición itinerante, titulada “Aquela nena de Sarria”, recolle o periodo sarriao e lucense da vida de Xela
O Día das Letras Galegas 2021 ten nome de muller. A escritora e tradutora Xela Arias Castaño é a protagonista dos actos conmemorativos deste ano na gran festa do idioma galego. A axenda cultural arrancou en Sarria, vila natal da autora, o 4 de marzo, data na que Xela Arias tería celebrado os seus 59 anos. A Casa da Cultura da localidade xacobea acolleu a exposición “Aquela nena de Sarria”, organizada por Galicia Dixital e o Colectivo Exeria, coa colaboración da Consellería de Cultura, o Concello de Sarria e a Real Academia Galega.
MULLER INNOVADORA
Na apertura oficial desta mostra, asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o delegado territorial da Xunta na provincia de Lugo, Javier Arias, e o escritor e editor Víctor F. Freixanes, así como familiares da autora, como a súa nai, Amparo Castaño, e o seu fillo, Darío Gil Arias. García salientou a figura de Xela como “unha das voces máis destacadas” da literatura galega actual, e “unha das mulleres máis innovadoras da nosa cultura”.
A mostra, que fai un repaso pola infancia e primeira mocidade de Xela Arias en terras lucenses, amosa o seu vínculo co rural e co idioma galego, así como o seu empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Ademais dos doce paneis explicativos, a exposición vai acompañada por poemas elaborados polo alumnado dos institutos sarriaos Gregorio Fernández e Xograr Afonso Gómez, xunto a pezas escritas por poetas sarriaos e galegos. Destaca tamén o conxunto de Vilariñas, micropoemas con imaxes preparados por membros da Nova Poesía Guitírica para honrar a Xela Arias neste ano tan especial. A inauguración completouse co recitado de versos da autora sarriá a cargo das poetas Sonia Arias e Elena López, seguido unha interpretación musical da man de Eloi Caldeiro.•