Bóveda aproba o Orzamento para 2021, que primará o gasto social e os investimentos reais

•O Goberno local subvencionará o 100% das licenzas de obra de vivendas unifamiliares

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, no Pleno municipal no que se aprobou o Orzamento para 2021. GPCB

Bóveda disporá de 1.426.031 euros para xestionar os servizos municipais ao longo de 2021. O Pleno municipal de marzo aprobou as contas para este ano, que primarán o gasto social e os investimentos reais.

DENDE 1 DE XANEIRO DE 2021 NON SE PAGARÁ A LICENZA DE OBRA NAS VIVENDAS
Ademais, como medida extraordinaria, o Goberno local incluiu no Orzamento unha partida para subvencionar o 100% do imposto de construción para a rehabilitación interior e exterior, reconstrución ou construción de obra nova das vivendas unifamiliares.
Dende o Concello de Bóveda explicou que esta medida terá carácter retroactivo, polo que beneficiará a todos os veciños e veciñas que aboaran este imposto dende o 1 de xaneiro de 2021, ademais de ter vixencia durante todo este ano. “O que se pretende é investir en fixar poboación e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas a través de distintas intervencións nas súas vivendas”, explicou o alcalde, José Manuel Arias. O ano pasado, Bóveda concedeu preto de 20 licenzas deste tipo, sobre todo para cambio de cubertas en vivendas, que lle permitiu ingresar unha taxa de 2,5 en concepto de imposto de construción.

CONTINUAR CUN NOVO ALUMEADO MÁIS EFICIENTE E SUSTENTABLE
Os Orzamentos 2021 foron aprobados co voto favorable dos concelleiros do PP e a abstención do PSOE. Un dos proxectos máis destacados nas contas municipais para este ano é a partida de fondos propios para o IDAE, que permitirá avanzar na substitución das vellas luminarias por lámparas tipo LED máis eficientes na Avenida San Vicente de Ver, o Parque Empresarial, ou nas Avenidas Alfonso XII e de Galicia.
PROXECTOS DESTACADOS
Dende o Goberno local destacaron tamén os 292.450 euros destinados a gasto social, para apoiar ás persoas máis desfavorecidas, sobre todo logo do grave impacto económico da pandemia nas familias.
O Orzamento inclúe outros proxectos, como a construción dunha nave para acoller o viveiro de empresas, cunha partida de 65.000 euros, xunto á instalación dunha nova pasarela na contorna do río Mao ou a compra dun vehículo eléctrico para uso municipal. Tamén se destinan 30.000 euros para mellorar o firme dos tramos de vial máis deteriorados.
O Goberno local tamén contemplou no Orzamento subvencións para a gardería, asociacións locais e clubes de fútbol. Hai ademais unha partida para un novo obradoiro de emprego, unha achega destinada ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, e outra para participar no proxecto de emprendemento empresarial Semente Ribeira Sacra.
Por último, o Pleno acordou na mesma reunión modificar a ordenanza fiscal para baixar ou incluso suprimir, nalgúns casos, a taxa municipal sobre a expedición de documentos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A nova edición do Lugo Termal permitirá que cada beneficiario leve un acompañante de calquera idade

Seguinte Nova

Bóveda arranca o proceso para seleccionar emprendedores que queiran residir no municipio

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: