O Complexo Medioambiental que Sogama ten na localidade coruñesa de Cerceda tratou 138.960 quilos de residuos sanitarios de baixo risco durante a terceira onda da pandemia. As cifras corresponden ao periodo entre o 11 de xaneiro e o 11 de marzo de 2021.
CONVERSIÓN DESTES RESTOS EN COMBUSTIBLE CDR NUNHA PLANTA ESPECÍFICA PARA EVITAR RISCOS
Os refugallos de baixo risco corresponden a luvas, buzos, e máscaras desbotables e asimilables, que son triturados nunha planta provisional e específica neste complexo, para a súa transformación en combustible CDR. Este material é valorizado enerxeticamente na planta termoeléctrica a máis de 850ºC, unha temperatura que permite eliminar, coas máximas garantías medioambientais, patóxenos e outros axentes nocivos. A planta conta con vestiarios e zonas de descanso para os traballadores, independentes do resto do complexo.
Dende que comezou a pandemia, Sogama eliminou 273.760 quilos de residuos sanitarios de baixo risco, procedentes dos centros adscritos ao Sergas. Esta medida evitou que os refugallos terminaran en vertedoiros. •