•A Xunta adxudicou estes traballos no recentemente declarado Ben de Interese Cultural

A conservación e rehabilitación do patrimonio monumental da Ribeira Sacra contará cunha nova intervención. Este mes, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, achegouse a Monforte de Lemos para presentar o proxecto de restauración do Colexio do Cardeal, xusto un día despois da publicación no Diario Oficial de Galicia da declaración deste inmoble como Ben de Interese Cultural (BIC).

420.000 EUROS PARA “GARANTIR O FUTURO DUN INMOBLE CLAVE PARA COMPRENDER O DESENVOLVEMENTO” DA HISTORIA CULTURAL DE GALICIA
O proxecto adxudicouse na mesma data na que o titular autonómico anunciaba as características dos traballos, que contan cun investimento de 420.000 euros. Segundo detallou Román Rodríguez, o proxecto abrangue actuacións na igrexa, no claustro e nas áreas de visita pública. A aportación económica da Xunta “garante o futuro dun inmoble clave para a paisaxe cultural da Ribeira Sacra”, e tamén “para comprender a historia do municipio de Monforte de Lemos e o desenvolvemento do Renacemento en Galicia”, destacou o conselleiro.
HABERÁ UN SEGUNDO INVESTIMENTO DE 75.000 EUROS NO COLEXIO DO CARDEAL
Na súa visita á cidade do Cabe, Rodríguez lembrou “o importante compromiso da Xunta coa protección e posta en valor do patrimonio da Ribeira Sacra”, territorio no que o Executivo galego está a investir 4,5 millóns de euros. O conselleiro adiantou que o proxecto adxudicado este mes “non será o único” deste ano, xa que está previsto un segundo investimento de 75.000 euros para restaurar varios bens artísticos deste espazo monumental. Estas medidas “van engalanar a capital da Ribeira Sacra de cara á recta final para a súa posible declaración como Patrimonio da Humanidade da Unesco”, destacou.
O proxecto dado a coñecer en Monforte inclúe o selado da greta no muro do presbiterio que ocasionara o terremoto de Lisboa en 1755, aínda que non supuxo un dano estrutural nas bóvedas, que se van a ver reforzadas con varios arranxos. Tamén se vai substituír a cuberta de tella do presbiterio. Así mesmo, a restauración abranguerá o pasadizo de detrás do presbiterio, no que non se actúa dende 1835, e a execución dunha escaleira exterior de evacuación de incendios.
Dentro do programa de rehabilitación do Colexio do Cardeal, desenvolveranse un tratamento de desinsectación do pavimento e dos elementos mobles da igrexa. Tamén se vai proceder á eliminación de entradas de auga no tambor da cúpula, mediante a substitución da carpinteiría.•