Dende finais de xaneiro e ata o mes de maio, a Vicepresidencia da Deputación está a desenvolver o programa IlustrarNÓS, unha iniciativa para celebrar o Día da Ilustración, que se conmemorou o 30 de xaneiro, divulgando as artes gráficas entre os escolares da provincia. As actividades comprenden talleres de ilustración, charlas a cargo de profesionais e elaboración de murais en centros educativos dun total de 15 concellos lucenses.
A vicepresidenta do organismo provincial, Maite Ferreiro, destacou «a boa acollida das actividades», ao tempo que salientou «o valor da colaboración do profesorado, sobre todo nestes tempos nos que están a asumir un sobreesforzo para adaptarse á pandemia».
O colectivo Polo Correo do Vento ofreceu varios obradoiros de ilustración centrados na figura e na obra da pintora viveirense Maruja Mallo. Así mesmo, a ilustradora e debuxante de cómicas Bea Lema falou ao alumnado de varios institutos sobre o proceso creativo na ilustración.
O programa, que xa levou un obradoiro de Polo Correo do Vento ao colexio de Folgoso, terá unha sesión, a cargo de Bea Lema, no IES A Pinguela o vindeiro 7 de abril.•