As restriccións por mor da pandemia están a renovar os formatos das actividades lúdico-festivas, sobre todo as que teñen que ver cos produtos locais. En Quiroga, o Concello deseñou un novo formato de actividades para encher as datas da que sería a edición número trinta e nove da Feira do Viño.
HOMENAXE AO VIÑO DE QUIROGA
Baixo o título “Lembranzas da Feira do Viño”, a programación comezou o luns 22 de marzo coa presentación da revista “Feira do Viño 1980-2020”, editada polo Concello de Quiroga. O venres 26, está prevista a inauguración da mostra “40 anos da Feira do Viño de Quiroga”, no Auditorio Municipal.
ANDAINA
Para os aficionados ao deporte na natureza, o venres 2 de abril, e en substitución da tradicional carreira vespertina de Venres Santo, Quiroga organiza a Andaina Xeoparque Montañas do Courel.
EXPOSICIÓNS
O sábado e o domingo de Pascua, veciños e visitantes poderán visitar a exposición “40 anos da Feira do Viño de Quiroga” no Auditorio Municipal, e tamén a mostra itinerante “O Fin do Camiño”, na sala de exposicións Manuel María da Casa da Cultura.
PROGRAMACIÓN ESPECIAL EN TELEQUIROGA
O sábado 3 de abril, o grupo de gaitas O Recanto amenizará a mañá coas súas alboradas dende as 12:30 horas. Ao mediodía, a partir das dúas e media, a Televisión Municipal de Quiroga emitirá unha programación especial pola Feira do Viño. Xa pola tarde, a música de rúa voltará da man da Charanga BB+, a partir das seis.
Na mañá do domingo 4 de abril, a protagonista será a música, coas alboradas a cargo da Banda de Música Val Miñor. Xa á unha da tarde, terá lugar a entrega dos premios do Concurso de Debuxo Infantil Feira do Viño de Quiroga, e media hora máis tarde comezará o concerto de música a cargo da Banda Val Miñor diante da Casa Consistorial.
A partir das dúas e media, a Televisión Municipal de Quiroga emitirá o documental “Feira do Viño de Quiroga 1980-2020”. A xornada rematará ás seis da tarde co espectáculo de rúa “O estrano caso do dentista da rúa Brasov”, a cargo de Troula Animación. •