A exposición itinerante “Xela Arias. A poesía do retrato” estará en Sarria no mes de maio

• Con fotografías de Xulio Gil e fragmentos poéticos da homenaxeada, a mostra está impulsada pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación • O proxecto visitará Chantada entre xuño e xullo, e de aí a Monforte ata agosto

• Redacción- MONFORTE. A vila natal da poeta Xela Arias, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, recibirá en maio a exposición de rúa que percorrerá media ducia de cidades e vilas lucenses ata finais de setembro. A mostra “Xela Arias. A poesía do retrato”, botará a andar en Sarria o 1 de maio, para continuar por Lugo, Chantada, Monforte, Viveiro e Ribadeo. Na presentación deste proxecto, impulsado pola Área de Cultura do Goberno provincial, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, explicou a implicación da súa área na celebración cultural adicada a Xela Arias. “Cando soubemos da súa elección, entendemos que era un nomeamento que nos apelaba directamente, pola orixe sarriá da poeta pero tamén polo seu compromiso social, polo seu feminismo e pola súa vontade de abrir novos camiños para a poesía e a creación en galego”, salientou Ferreiro. A mandataria provincial puxo en valor o feito de que esta fórmula expositiva sexa “itinerante e para exteriores”, que responde “á vontade de sacar a poesía de Xela Arias á rúa, sacar a poesía do sillón do lector, como ela mesma ten dito e feito a través de recitais e intervencións”.
O produtor executivo da mostra, Xosé Aldea, explicou o “reto técnico” que presenta a itinerancia dunha mostra que move “8.000 quilos de cultura, de poesía e de fotografía”. Pola súa banda, o autor das 20 imaxes da mostra, o fotógrafo Xulio Gil, destacou que “case non hai fotos domésticas ou roubadas, senón que case todas son posados nos que Xela controla a imaxe que quere transmitir”. Gil tamén asina as 53 fotografías que integran o catálogo da exposición. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Publicidade

Seguinte Nova

Rematan as obras de mellora nos accesos á finca de Tor en Monforte, nas que a Deputación investiu 480.000 euros

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: