
O alumnado do IES A Pinguela de Monforte volveu acadar recoñecementos fóra do centro educativo. A alumna Marta Lorenzo López, que estuda 2º Bacharelato de Ciencias, foi a gañadora da fase provincial do concurso literario «Carta a un militar español», que convoca o Ministerio de Defensa. O tema de este ano foi a Operación Balmis contra a Covid-19, un dispositivo no que participaron efectivos dos Exércitos de Terra, Armada e Exército do Aire, Unidade Militar de emerxencias e Guardia Real en 172 localidades de España. Membros destas unidades militares realizaron tarefas de desinfección de centros residenciais, ou de traslado de enfermos dende estes centros ata os hospitais, ademais de colaborar na instalación de hospitais de campaña durante a primeira onda da pandemia.
No acto de entrega do premio á alumna Marta Lorenzo López estiveron presentes o Subdelegado de Defensa de Lugo, capitán de navío D. Fernando Brinquis; o Brigada D. Eligio Soto, Xefe da Área de Recrutamento e Cultura da Defensa de Lugo; D. Javier Árias, Delegado da Xunta de Galicia en Lugo; Dª Mª del Carmen Gueimunde, Xefa Territorial de Educación; e Dª Margot Montero, periodista e membro do xurado. Ademais, profesores e compañeiros arrouparon a Marta Lorenzo neste día tan especial.
Pola súa banda, o IES A Pinguela recibiu tamén un recoñecemento pola súa implicación neste concurso, no que leva participando dende a súa primeira edición, celebrada hai oito anos. O premio recolleuno o director do IES A Pinguela, Enrique Sampil, en nome de toda a comunidade educativa. •