En resposta á situación de crise do sector da hostalería, e tras unha reunión celebrada entre membros do equipo de Goberno municipal e coa presenza do técnico de Cultura e Turismo e dos hostaleiros locais, acordouse poñer en marcha un plan de axuda. Esta medida materializarase en axudas económicas directas que os hostaleiros xa poden solicitar ao longo deste mes de maio. Ademais, vanse programar actividades culturais e de lecer nos propios bares, así como un plan de visitas guiadas que atraia turismo ao municipio.
“A hostalería é un sector importante para a economía local, xa que un bar é á súa vez cliente doutros provedores locais, e está no eixo da roda económica”, sinalou Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.
Esta achega económica que concede o Concello será compatible con outras axudas aportadas por entidades como a Deputación ou a Xunta. Segundo informaron dende o Consistorio, a axuda concederase directamente a cada establecemento hostaleiro que estea aberto neste 2021, e pódese solicitar ata o 31 de maio.
Ademais da axuda económica directa, o Concello reforzará a súa aposta cultural dos últimos anos. “Nesta pandemia temos que sacar a cultura á rúa, e que mellor que levala ás terrazas e, deste xeito, axudar á recuperación do sector”, comentou Maceda.•