•O obxectivo é dinamizar o agro galego a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, vén de convocar as subvencións para a execución de proxectos da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cun orzamento de 13 millóns de euros para as anualidades 2021 e 2022. Trátase das achegas ás que pode optar toda persoa ou entidade que o solicite a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) do territorio galego, co fin de desenvolver proxectos que dinamicen as súas contornas, sexan de carácter produtivo ou non. Inés Santé, directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, sinalou que se trata dunha nova convocatoria no marco do período de transición establecido pola Unión Europea, que asegura o apoio das axudas ao desenvolvemento rural ata o 31 de decembro de 2022, namentres non comece o novo PDR 2021-2027.
PRAZO E PROXECTOS SUBVENCIONABLES
Dende a Consellería informaron de que o prazo para presentar solicitudes remata o vindeiro 3 de xuño. Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos, e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo.
Os interesados poden consultar toda a información sobre esta convocatoria na páxina do Diario Oficial de Galicia https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210503/AnuncioO90-260421-0001_gl.