Aberto o prazo para adherirse aos Bonos Impulso da Deputación

Repartirá 17.000 bonos de 30 euros, o que suporá unha inxección de máis de 1,5 millóns no comercio e na hostalería da provincia

No Boletín Oficial da Provincia (BOP) do pasado luns 3 de maio, están publicadas as bases do programa Bono Impulso, que estará aberto ata o 20 de maio, para que os establecementos interesados en participar cumprimenten a súa inscrición. A convocatoria vai destinada a pequenos comercios ou locais de hostalería e hospedaxe, sempre que desenvolvan a súa actividade en calquera dos 67 concellos da provincia. Ao non establecer un límite de beneficiarios, todas as empresas e autónomos do sector poderán participar, tendo en conta que non se poderá canxear lotaría, bebidas alcohólicas non alimentarias nin tabaco.

COMO PARTICIPAR NO PROGRAMA DE BONOS
Na páxina web da Deputación habilítase un espazo específico onde os empresarios e autónomos poderán cumprimentar o formulario de adhesión. Así mesmo, a institución provincial habilita o teléfono 982 260 204 e o enderezo electrónico bonoimpulso@deputacionlugo.org para resolver as dúbidas na tramitación.
Unha vez rematado o proceso de inscrición, a institución provincial publicará a listaxe de establecementos participantes e faralle chegar a cada local admitido un indicativo da súa adhesión ao programa. O cartel deberá colocarse nun lugar visible, facilitando así que a veciñanza saiba en que establecementos poderá canxear os Bonos Impulso.
EFECTO MULTIPLICADOR
A Deputación destina 510.000 euros para os Bonos Impulso, “pero o seu efecto multiplicador conseguirá transformalos en máis de 1,5 millóns, pois cada bono ten un importe de 30 euros e as persoas para poder usalos deberán facer unha compra ou consumición mínima de 60 euros”. Repartiranse 17.000 bonos de 30 euros cada un entre a poboación da provincia, de xeito que as persoas beneficiarias gasten o seu bono no concello no que residen. “Esta medida nace co propósito de que haxa actividade económica en todos e cada un dos 67 municipios que conforman Lugo, por iso cada persoa que teña un bono só o poderá gastar nos establecementos adheridos do seu municipio” sinalou Tomé na presentación.

INCENTIVO PARA APOIAR ÁS EMPRESAS E ÁS FAMILIAS
“Unha gran parte dos autónomos e das pequenas empresas atravesan momentos difíciles, sabémolo, por iso queremos axudar á súa recuperación con esta importante medida”, explicou o presidente. “Os Bonos Impulso da Deputación son un incentivo para apoiar ás empresas e ás familias, promoven a actividade nas tendas de barrio e nos negocios de sempre, e axudan á concienciación da relevancia social que teñen no noso día a día”, incidiu Tomé Roca.
Así mesmo, o mandatario provincial recalcou que esta medida “é unha inxección directa de recursos nos sectores máis afectados pola pandemia, crean valor engadido e xeran un efecto multiplicador na economía. José Tomé insistiu en que o obxectivo do equipo de Goberno provincial é «unha recuperación sostible no tempo, unha recuperación estable e unha recuperación eficaz do tecido produtivo”. Por outra banda, lembrou que “o papel da Deputación é este, o de colaborar cos concellos e colaborar co tecido produtivo con actuacións de impulso, de promoción e de recuperación da economía”.
17000 BONOS
A Deputación porá a disposición da veciñanza da provincia un total de 17.000 Bonos Impulso. A solicitude realizarase unha vez remate a fase de adhesión dos establecementos. Antes de abrir o prazo, informarase a través da páxina web, redes sociais e medios de comunicación das datas e fórmulas para conseguir os Bonos Impulso, que se asignarán por orde de presentación, respectando o número mínimo e máximo de bonos por concello, e cun máximo dun bono por persoa.

DIXITALIZACIÓN DAS PEMES
Os establecementos adheridos ao programa poderán participar nun proxecto dentro do Plan Impulso a través do que se mellorará a xestión, a dixitalización e a visibilidade social do negocio de forma gratuíta. A institución provincial porá á disposición das pemes e micropemes, se así o solicitan, formación e novas destrezas que fagan máis competitivos os negocios da provincia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As Escolas Deportivas do Saviñao organizan o Campus de Fútbol

Seguinte Nova

Aberto o prazo para descargar os bonos desconto da Xunta de Galicia

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

O prezo do leite

• Agromuralla e UCGAL monitorizarán os prezos do leite desde as granxas ate os puntos de

A %d blogueros les gusta esto: