O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisou estes días as actuacións levadas a cabo no edificio xudicial de Monforte. Os traballos supuxeron melloras na sede da Fiscalía, e a creación dunha sala de espera para as vítimas.
As obras implican unha ampla reforma que afecta ao distribuidor da primeira planta do edificio, onde se ampliaron as oficinas e dependencias da Fiscalía co engadido dun novo despacho, ademais de habilitar unha nova sala de espera para as vítimas. Tamén se instalaron novas luminarias en ambos espazos, xunto a luminarias de emerxencias e diverso mobiliario adicional. A renovación contou cun orzamento total de 14.000 euros.
Segundo lembraron Martín e Arias na súa visita aos xulgados de Monforte, o Goberno galego ten en marcha o Plan de Infraestruturas Xudiciais, dotado con 115 millóns de euros para levar a cabo actuacións necesarias nas sedes xudiciais galegas. O obxectivo é modernizar e unificar os servizos xudiciais en Galicia mellorando as instalacións existentes e previndo as necesidades estruturais. Deste xeito, o Goberno galego contribúe á protección das vítimas, menores e outros colectivos vulnerables con medidas como a implantación de salas de espera independentes. •