O Museo Etnográfico expón os últimos cabezudos que sairon nas festas de Quiroga

Imaxe dos cabezudos expostos no Museo Etnográfico. GPCQ

A imaxe dos cabezudos e xigantes, acompañados ben por unha banda de música, ou ben por un grupo de gaiteiros forman parte da nostálxica memoria de moitas xeracións, que creceron asociándoos á festa e algarabía, baixo o ruído atronador das bombas de palenque que anunciaban a súa chegada. Agora, esa vella tradición foise perdendo, pero o Museo Etnográfico de Quiroga dános a oportunidade de revivila, ao mostrarnos catro cabezas que estiveron durante anos gardadas no almacén do Concello á espera dunha posible restauración que nunca chegou a realizarse. As cabezas expostas seguramente non serán as máis antigas, as dos anos 50, senón as dos anos 60 ou 70, as últimas que saíron nas festas do Corpus Christi. Nos anos 50 anunciábanse procesións, concertos musicais, xogos de cucañas, fútbol, bailes populares, sesións de pirotecnia e verbenas. Pero tamén á primeira hora das mañá, durante todos os días de festa, dianas e alboradas saían acompañadas de xigantes e cabezudos.
Os desfiles de xigantes e cabezudos na festa do Corpus, a máis importante da vila quiroguesa ata os anos 70, década na que se comezaron a celebrar as festas de verán, eran un atractivo para toda a veciñanza, e moitos rapaces da época foron portadores dos cabezudos. Tamén bailaron ao son da música nas alboradas da zona da praza Maior na festividade do San Martiño, patrón da vila.
A orixe da tradición dos xigantes e cabezudos en moitos pobos de España está na Idade Media. Estas figuras acompañaban as procesións do Corpus Christi bailando ao son da música popular, e crese que os xigantes representaban o ben e os cabezudos o mal. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A POBRA DO BROLLÓN PON EN MARCHA AXUDAS ECONÓMICAS DIRECTAS Á HOSTALERÍA.

Seguinte Nova

O alcalde Julio Álvarez renuncia á dedicación exclusiva

Últimas noticias sobre AXENDA

A %d blogueros les gusta esto: