
O Partido Popular de Monforte, por medio da súa voceira Katy Varela, denunciou a falta de atención e limpeza dos regatos urbanos, unha desatención por parte do Concello «que constitúe xa un problema de salubridade importante» que ten como consecuencia «que a proliferación de ratas vaia en aumento”. Varela, facéndose eco da queixa dos veciños descontentos, anunciou a súa intención de levar ao Pleno unha iniciativa para que o Goberno local inicie os trámites correspondentes para sanear as regueiras coñecidas como Malloadas, Río Seco e Zapardiel.
Dende o Partido Popular de Monforte lembraron que non é a primeira vez que expoñen este problema, pois xa a finais de 2020 solicitaron a roza e saneamento destes regatos. Varela precisou que querían “chegar ao verán con estes afluentes en boas condicións e evitar esta imaxe deplorable e insana para os habitantes que viven nas proximidades destes regatos». «Á vista queda que non só non se fixo nada, senón que o desentendemento é manifesto e notable”, salientou. Varela apuntou ao alcalde e o seu equipo como «co-rresponsables dos problemas que poidan ocasionarse se a maleza continúa medrando”.•