A mostra contén fotos de Xulio Gil e fragmentos poéticos da homenaxeada no Día das Letras Galegas

O concello de Sarria decidiu dedicar unha das súas rúas á poeta Xela Arias, coincidindo co ano en que protagoniza o Día das Letras Galegas. Para celebralo, organizouse unha homenaxe o 2 de maio, Día da Nai, con presenza do equipo de Goberno local e a participación de numeroso público. Entre os persoeiros asistentes, estiveron Víctor Freixanes, Presidente da Real Academia Galega; María José Gómez, delegada territorial de Cultura da Xunta; Efrén Castro, deputado provincial, e Mónica López, concelleira en Sarria, ademais da familia de Xela Arias, que se mostrou moi emocionada.
No acto impresionaba a imaxe de Xela Arias desde o magnífico mural obra do artista urbano ourensán Mon Devane.
Especialmente significativa resultou a historia da rúa dedicada a Xela. Desde 1957 e de forma imposta, esta rúa recibiu o nome do falanxista José Antonio Primo de Rivera, segundo contou o ex cronista de Sarria Félix López Arias, Arlindo.
No acto de homenaxe tamén participaron a Asociación Cultural Peleriños, que puxo música e voz a algúns dos poemas de Xela Arias. Ademais, descubriuse unha placa conmemorativa do evento, cos versos dun dos seus poemas máis emblemáticos, extraído do poemario Darío a diario, no que a autora sarriana cóntanos de forma entrañable a súa experiencia de maternidade. •