O deputado de Memoria Histórica, o nacionalista Efrén Castro, participou a mediados de maio nun coloquio arredor da dimensión cultural e histórica dos pazos de Tor e Meirás. O encontro, celebrado no museo monfortino, estivo integrado no marco das actividades programadas pola Rede Museística Provincial arredor do Día Internacional dos Museos, que se conmemorou o pasado 18 de maio.
Baixo o epígrafe “Pasado, presente e futuro da vida dos pazos galegos. Os casos de Tor e Meirás”, os historiadores Pegerto Saavedra, Antonio Saavedra e Carlos Babío, e o sociológo Manuel Monge expuxeron a traxectoria destes bens patrimoniais nas últimas décadas. O Pazo de Tor está marcado pola súa actividade como espazo museístico trala cesión á Deputación por parte da súa última propietaria, Paz Taboada de Andrés e Zúñiga, mentres que no caso de Meirás, destaca a loita cívica e política que conseguiu recuperar este ben para o patrimonio público.
Efrén Castro valorou o coloquio como “unha xornada moi positiva na que se puxo en valor o traballo realizado polo historiador Carlos Babío» en canto á recollida da documentación, clave para «recuperar Meirás tralo espolio do franquismo». O encontro serviu así para «avaliar o modelo de Tor de cara a futuros usos de Meirás”.
“Desde a área de Memoria Histórica consideramos moi positivo que os temas relacionados coa memoria se trasladen a todos os eidos», salientou Castro, quen cualificou o encontro como «unha boa oportunidade para reflexionar sobre as consecuencias do fascismo español no eido do patrimonio”. •