Presentan «Coñece a túa provincia», o programa de viaxes gratuítas da Deputación de Lugo para os veciños e veciñas

• A iniciativa pretende estimular o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible dun dos sectores máis castigados pola pandemia

O presidente da Deputación, José Tomé, xunto aos deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e de Turismo, Pilar García Porto, na presentación do programa «Coñece a túa Provincia», a mediados deste mes. GPDL

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou na Praza de San Marcos, xunto aos deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o programa «Coñece a túa provincia», unha nova medida que lanza a institución dentro do seu Plan de Impulso da Economía da Provincia. O programa ten como obxectivo estimular o turismo de proximidade e favorecer a recuperación sostible deste sector e da hostalería e o comercio local fronte ao impacto da pandemia, con viaxes gratuítas pola provincia para a veciñanza. O organismo provincial sacou a licitación un contrato para a súa execución durante este ano e o vindeiro, con opción de prórroga por outro ano máis, por un importe total que supera os 300.000 euros.

SOLICITUDES A PARTIR DE XULLO
O prazo para que asociacións e colectivos poidan inscribirse e solicitar praza arrancará en xullo, e as viaxes iniciaranse na segunda quincena de setembro e continuarán ata novembro. En 2022, as viaxes desenvolveranse na primavera (entre marzo e xuño), e no outono (entre setembro e novembro).
En todo caso, a Deputación informará puntualmente a través dos medios de comunicación, da páxina web da institución e das redes sociais sobre os prazos para poder anotarse.

4.300 PRAZAS E 37 ITINERARIOS
En total, entre este ano e o próximo, o programa «Coñece a túa provincia» ofrecerá preto de 4.300 prazas. As viaxes terán lugar de luns a venres, e contarán con guías profesionais de turismo. As asociacións poderán elixir entre un total de 37 itinerarios polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico de toda a provincia de Lugo.
Destes 37 itinerarios, oito discorrerán pola comarca da Mariña, incluíndo entornos naturais como o Fuciño do Porco, a Praia das Catedrais ou o litoral focense, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos ou a Catedral de Mondoñedo.
Por outra banda, dez dos roteiros estarán ubicados na Ribeira Sacra. Neste caso, as alternativas permiten visitar concellos como Monforte de Lemos, Portomarín, Sober ou A Pobra do Brollón, entre outros. Tamén estarán nos itinerarios do programa algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo.
Así mesmo, outros oito itinerarios percorrerán a zona de Ancares-Courel, e achegarán aos participantes ás Terras de Burón e ao Camiño Francés pola comarca de Sarria.
Por último, as restantes once rutas terán como escenario as comarcas de Lugo e Terra Chá. As visitas incluirán lugares como o Castro de Amarante, a igrexa de Soutomerille ou o Castro de Viladonga, ademais do centro histórico da cidade de Lugo.

NOVA MEDIDA DE IMPULSO Á ECONOMÍA
O mandatario provincial lembrou que o programa «Coñece a túa provincia» vén sumarse a outras medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia que xa ten en marcha a Deputación, como son os Bonos Impulso, ou programa Actívate, integrado por unha serie de xornadas de turismo activo pensadas para toda a familia. Ademais, o organismo provincial deseñou «Saborea a túa provincia», xornadas gastronómicas e lúdicas que se celebrarán no mes de agosto, ademais de dar continuidade ao programa Lugo Termal, que ofrece descontos nos tres balnearios que hoxe funcionan na provincia para lucenses de máis de 50 anos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aberto o prazo das axudas para a rehabilitación enerxética de edificios

Seguinte Nova

O PP criticou que, dos 106.000 euros que a Deputación dedica ao programa «Coñece a túa Provincia», 18.000 son para regalos institucionais

Últimas noticias sobre PORTADA

 
A %d blogueros les gusta esto: