Lugo contou co seu espazo promocional na 41ª Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrou en Madrid do 19 ao 23 de maio. O gran escaparate internacional do turismo amosou os atractivos das terras lucenses como destino turístico experiencial e non masificado, a través da campaña «Lugo, la provincia es tu Camino», impulsada pola Deputación.
TOMÉ: «ESTA EDICIÓN DE FITUR SIMBOLIZA O PUNTO DE PARTIDA DA RECUPERACIÓN DO TURISMO»
O presidente deste organismo, José Tomé, puxo en valor esta aposta turística en Fitur, nun momento no que esta Feira ten «un simbolismo especial, porque simboliza o punto de partida da recuperación do turismo». Unha recuperación que, segundo Tomé, debe realizarse «con sentido común, coa máxima prudencia e tamén con responsabilidade».
Na súa intervención, o mandatario provincial destacou que a provincia de Lugo parte con vantaxe e con moitas oportunidades na nova situación resultante da pandemia. José Tomé mencionou que a Deputación está a traballar para acelerar a recuperación do sector turístico. Con este fin, o organismo provincial lanzou hai pouco os Bonos Impulso, o programa Actívate e o paquete de actividades ao aire libre denominado Coñece a Túa Provincia. En total, este ano a Deputación destina tres millóns de euros ao desenvolvemento turístico.
CATRO RUTAS XACOBEAS PARA REACTIVAR UN TURISMO RESPECTUOSO
Tomé aludiu tamén á importancia do Camiño de Santiago como impulsor do turismo na provincia. Ademais de lembrar que as terras lucenses están atravesadas polo Camiño Francés, o Camiño de Inverno, o do Norte e o Primitivo, o presidente salientou que «a ruta xacobea atrae un tipo de turismo respectuoso e acorde coa nosa liña de traballo».•