Galicia «xa está preparada» para recibir «cos brazos abertos» a toda a xente que queira chegar «ao córner de Europa». Así o afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da Feira Internacional de Turismo (Fitur), o pasado 19 de maio. O mandatario autonómico destacou que «co Ano Santo, Galicia abre a porta ao viaxeiro e convértese no mellor lugar do mundo», e para promocionalo, o standa da comunidade en Fitur estivo centrado no Xacobeo 21-22.
A intervención de Núñez Feijóo na apertura do espazo promocional de Galicia insistiu na cualificación de Galicia como «destino seguro e de calidade», ao que tamén hai que sumar, segundo o mandatario galego, a etiqueta de «destino turístico sostible».
O TURISMO, «SECTOR CLAVE» PARA REACTIVAR A ECONOMÍA TRALA PANDEMIA
Logo de describir os atractivos principais que ofrece Galicia para os amantes da natureza, a cultura e a gastronomía, Núñez Feijóo puxo de manifesto que o turismo é «un sector clave» para a reactivación económica, ao ser a segunda industria en xeración de emprego. «Estamos a falar dun sector que sempre trae boas novas», afirmou o titular autonómico en referencia aos máis de cinco millóns de visitantes que se achegaron a Galicia en 2019, e que fixeron máis de 11 millóns de pernoitas.
COMPOSTELA, UNHA CAPITAL RENOVADA PARA OS VISITANTES
Así mesmo, o mandatario galego enumerou os novos atractivos que o Camiño de Santiago reserva para os peregrinos. A reinauguración da Catedral de Santiago, a recuperación do esplendor do Pórtico da Gloria, a revitalización do Monte do Gozo e o acondicionamento das infraestruturas de entrada á capital de Galicia sumáronse, no discurso de Feijóo en Fitur, aos «miles de quilómetros que vertebran o Camiño». •