•A implantación de 36 novos colectores de carga superior incrementarán a capacidade total de recollida en 19.000 litros
O alcalde, José Tomé, anuncio a colocación de novos colectores soterrados, nun plan de mellora froito das negociacións coa empresa FCC Medio Ambiente, que supuxeron a renovación do contrato para a recollida e transporte de residuos urbanos e limpeza viaria do municipio. “Trátase da renovación dos colectores soterrados destinados a recollida selectiva e que están ubicados en 11 puntos da nosa cidade”, salientou Tomé. A implantación de 36 novos colectores de carga superior suporá un incremento na capacidade total de recollida de 19.000 litros, medida que conta cunha inversión de case 240.000 euros.
Esta actuación engádese a outras iniciativas postas en marcha dende principios deste ano, como a renovación de 297 papeleiras da cidade por importe de 43.938 euros, a instalación en todo o concello de 3.880 novos cubos e colectores de lixo, cunha inversión total de case 299.000 euros, ou a adquisición de 10 vehículos e 16 equipos e maquinaria de limpeza, cunha aportación de case 915.000 euros.
O alcalde subliñou que “con esta nova actuación para renovar e mellorar a capacidade dos colectores soterrados da nosa cidade, alcanzamos os 1,5 millóns de euros en melloras desenvoltas polo Concello de Monforte no servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo na cidade”.
IMPLANTACIÓN DOS 36 NOVOS COLECTORES EN 11 UBICACIÓNS DA CIDADE
A renovación dos colectores de carga superior e o aumento da súa capacidade levarase a cabo nos colectores soterrados destinados á recollida de papel, envases e vidro, situados no número 44 da rúa Cardenal; na rúa Conde, Praza do Conde, Paseo de Lugo, Cobas, Campo de San Antonio, Os Chaos, o número 31 da rúa Otero Pedraio, a Praza da Estación, a rúa Calvo Sotelo á altura da Escola de Idiomas, e a rúa Roberto Baamonde.
NOVO SISTEMA DE RECOLLIDA E DESEÑO NOVIDOSO CON PICTOGRAMAS DE FÁCIL COMPRENSIÓN
Ademais dos cambios no sistema de recollida, o alcalde destacou a estética dos novos colectores. Os buzóns, que son os elementos que se poden visualizar dende o exterior, serán totalmente renovados. Igual que ocorre coa renovación das papeleiras realizada a principios de ano, este cambio mellorará de forma importante o aspecto urbano, transformando as zonas onde se sitúan nunhas contornas máis modernas e amigables co usuario. •