Ata o 29 de xuño estará aberto o prazo para que as familias poidan solicitar as axudas que vén de convocar o Concello de Monforte para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022.
TRAMITACIÓN NAS OFICINAS OU POR INTERNET
A solicitude realizarase a través do correspondente formulario normalizado, que deberá ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases. Toda a documentación poderá presentarse no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón, ou no Rexistro Xeral do Concello, situado Campo de San Antonio, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).
2.000 EUROS MÁIS QUE NA PASADA CONVOCATORIA
O Concello de Monforte destina para o financiamento destas subvencións un crédito máximo de 20.000 euros, o que supón un incremento de 2.000 euros respecto ao ano pasado. «Trátase de apoiar ás familias con menor renda do municipio que presenten dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destacou o Alcalde, José Tomé Roca.
A contía máxima das axudas por alumno é de 150 euros para Educación Infantil, 100 euros para Primaria e 120 euros para ESO. Para optar a esta axuda é preciso cumprir os requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes. •