Moi felices se presentaban as cousas para os representantes do sur de Lugo ao lograr clasificarse para a fase de ascenso a Terceira División, pero o Club Lemos e a SD Sarriana non conseguiron, tralas dúas primeiras xornadas, dar a talla e cumprir as súas expectativas.
Os monfortinos, que iniciaban a súa andaina a domicilio ante Boiro e Noia, os dous favoritos, perderon claramente por 2-0 ante o Boiro e cun doloroso 4-0 co Noia. Os de Edu, que tiñan a obriga de gañar algún dos dous partidos para terminar con opcións nas dúas últimas xornadas na casa, non foron capaces de competir adecuadamente.
VACÍO DE PODER NO
CLUB LEMOS
O Club Lemos, co anuncio do adeus do seu presidente actual, a non continuidade de Edu como adestrador, e a falta de novas candidaturas é, a día de hoxe, un mar de dúbidas. Unha pena deixar pasar unha oportunidade como esta para lograr o ansiado ascenso no medio de declaracións cruzadas e pouco afortunadas entre directiva e corpo técnico que, sen dúbida, afean o que foi unha moi boa xestión realizada polo tándem capitaneado por Óscar López na presidencia e Edu Rodríguez na parcela deportiva.
Non hai que esquecer que o club vén de Primeira Rexional e cunha débeda entón inasumible pero agora totalmente cuberta.
A SD SARRIANA CESA AO SEU ADESTRADOR
Pero non marchan moito mellor as cousas para os sarriáns. Tras caer na Coruña ante o Montañeiros, non puido pasar do empate en casa ante o SD Sofán, un resultado que aínda puido ser peor, pois os de Carballo marcaron un gol en tempo de desconto que foi anulado por fóra de xogo. Os de Sarria perderon nesta fase de ascenso a súa eficacia goleadora, un dos seus puntos fortes e que os levou a clasificarse como primeiros no seu grupo de Rexional Preferente. Con dous partidos, un gol encaixado e ningún ao seu favor, con catro puntos mantén todavía opcións para obter unha das dúas prazas que levan á Terceira División. Para iso, terán que gañar ao Boiro en casa e ao Noia fóra. Son dous partidos difíciles, pero o xogo do equipo convidaba a soñar co logro. Pero, sorprendentemente, anúnciase o cese de Charly como adestrador para as dúas xornadas restantes. En ocasións como esta, costa entender as decisións que toman os dirixentes deportivos. Sen dúbida, Charly foi un dos artífices desta Sarriana que levou a ilusión do ascenso á parroquia da Ribela. Aínda que descoñecendo as reviravoltas que hai dentro dos equipos, a decisión do cesamento resulta sorprendente.•