Quiroga rescata a Feira do Viño en xullo, con menos actividades e máis adegueiros

•A Praza do Auditorio Municipal será o novo escenario do evento, mentres non cambien as condicións sanitarias

A recoñecida sumiller Mónica Fernández. GPCQ

Quiroga prepara o segundo evento gastronómico tralo parón pola pandemia, trasladando a Feira do Viño ao mes de xullo. Segundo informaron os responsables municipais, a XXXIX Feira do Viño de Quiroga terá lugar os días 24 e 25 de xullo, nun novo emprazamento para garantir o máximo cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias.

«FEIRA MÁIS QUE FESTA», POÑENDO A SEGURIDADE SANITARIA POR RIBA DE TODO
Dende a organización, salientaron que a edición deste ano será «máis unha feira que unha festa», sen perder de vista todos os elementos que son imprescindibles para enxalzar o viño. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, afirmou que «a organización xa ten todo controlado e organizado, pero con prudencia e respectando
as normas sanitarias”.
OS STANDS DO VIÑO NA PRAZA DO AUDITORIO, E NA RÚA REAL OS POSTOS DA FEIRA
Atendendo a este principio, decidiuse trasladar o recinto feiral á praza do Auditorio Municipal, por ser máis fácil de controlar en canto a aforos, e por dispoñer de superficie suficiente para a realización da feira. Deste xeito, a praza do Auditorio acollerá os stands dos adegueiros, xuntando por vez primeira aos adegueiros tradicionais cos produtores industriais da subzona Quiroga-Bibei. A rúa Real será o espazo escollido para instalar os postos dos demais produtos.
En canto ao persoeiro que dará notoriedade á Feira do Viño, este ano estará vinculado ao mundo enolóxico. O rexedor quirogués, Julio Álvarez, explicou que «é o momento no que un gran profesional do viño nos honre coa súa presenza e coas súas verbas”.•

•MÓNICA FERNÁNDEZ, A MELLOR SUMILLER DO MUNDO, SERÁ A PREGOEIRA DA XXXIX FEIRA DO VIÑO DE QUIROGA

Quiroga saldará «a débeda histórica que ten con persoas de certo perfil» ao nomear como pregoeira da próxima edición da Feira do Viño a Mónica Fernández. Considerada a mellor sumiller do mundo, a quiroguesa e veciña de Orxais lerá o pregón do evento que se celebrará os días 24 e 25 de xullo.
O currículo de Mónica Fernández impresiona por extenso e brillante. Sumiller e maestresala titulada pola Cámara de Comercio de Madrid, Fernández é directora xeral do grupo Bambú, e dende o 2005 exerce tamén como directora de sala e sumiller dos oito restaurantes que ten o grupo.
En canto aos recoñecementos, Fernández foi distinguida en 2017 co prestixioso premio á Mellor Sumiller do Mundo (Prix au Sommelier) pola Academia Internacional de Gastronomía en París. Ademais deste galardón, a sumiller quiroguesa recibiu o premio á Excelencia Turística de Madrid como Mellor Directora de Sala en 2009, e o premio Nacional de Gastronomía á Mellor Director de Sala no 2016 concedidos pola Cámara de Comercio de Madrid, ademais de ostentar o premio á Mellor Dirección de Sala no 2018 outorgado pola Academia de Gastronomía da Comunidade de Madrid.
Así mesmo, Mónica Fernández foi recoñecida como Filla Predilecta de Quiroga » por levar con orgullo o nome de Quiroga polo mundo».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Incio mellora a pavimentación de acceso a Santalla de Bardaos

Seguinte Nova

O programa europeo Leader deixou en Sober máis de 450.000 euros en 24 proxectos nos últimos seis anos

Últimas noticias sobre O MUNDO DO VIÑO E DO AGRO

A %d blogueros les gusta esto: