
.A Xunta vén de renovar este mes o convenio co Museo do Ferrocarril de Galicia, con sede en Monforte. O acordo suporá a aportación, por parte do Executivo galego, de 30.000 euros para o mantemento e o labor de divulgación deste Museo, único en Galicia e no conxunto de España, dado o patrimonio ferroviario que alberga nas instalacións situadas en Monforte de Lemos.
SINATURA TELEMÁTICA
O convenio quedou asinado por vía telemática o pasado 8 de xuño, coa intervención da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente da Fundación do Ferrocarril de Galicia e delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.
FOMENTO DO FERROCARRIL E DA SÚA CULTURA
Dende a Xunta salientaron que o obxectivo desta aportación económica é garantir o funcionamento do Museo do Ferrocarril de Galicia, así como o desenvolvemento das diversas actividades de exhibición dos importantes fondos que atesoura. Así mesmo, o coñecemento da historia e do avance das tecnoloxías do ferrocarril ao longo dos anos favorece a concienciación da súa importancia como medio de transporte, e a posta en valor deste singular patrimonio contemporáneo.•