Monforte promociónase por Europa coa campaña do Concello e Autocares Sánchez
Xa está a percorrer Europa a campaña «Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra. Ven a visitarnos…te esperamos!», deseñada polo Concello de Monforte en colaboración coa empresa Autocares Sánchez.
O CONXUNTO DE SAN VICENTE, O MUSEO DE ARTE SACRO E O MIRADOIRO DO DUQUE, ENTRE AS IMAXES PROMOCIONAIS
A firma monfortina de viaxes ten en marcha varias rutas por países europeos, con vehículos rotulados co lema da campaña e diversas imaxes dos principais atractivos turísticos da cidade do Cabe. O Miradoiro do Duque, o Parador Nacional e Conxunto monumental de San Vicente, Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido como o “Escorial Galego”, a Ponte Medieval ou o Museo de Arte Sacro das Nais Clarisas son as referencias visuais que os viandantes europeos poden recoñecer na parte traseira dos autobuses da empresa monfortina.
RUTAS POR FRANCIA, PORTUGAL, BÉLXICA, ALEMAÑA E SUÍZA
O alcalde, José Tomé, destacou que «esta colaboración con Autocares Sánchez permite que xa esteamos a difundir a imaxe de Monforte e da Ribeira Sacra a través de dúas rutas do servizo regular de viaxeiros que leva a cabo esta empresa, e que transcorren por Portugal, Francia, Bélxica, Alemaña e Suíza, ademais de por España».
ATA SETEMBRO
Tomé lembrou que a campaña está en marcha durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro. As rutas de Autocares Sánchez teñen unha frecuencia de tres viaxes por semana, «polo que a difusión publicitaria de Monforte e a Ribeira Sacra será constante ó longo de todo este verán».•