As actuacións de mellora da rede viaria de titularidade provincial terán continuidade estes meses. A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, anunciou este mes a aprobación do proxecto e a licitación das obras de mellora en 8 quilómetros da LU-P-4702, que comunica o núcleo urbano de Vilachá coa Estación da Pobra do Brollón por Rozabales, cun importe de 92.500 euros. A actuación afectará ao treito entre o punto quilométrico 2,570 e o 10,400, cun prazo de tres meses.
OBRAS RECENTES NO MESMO VIAL
García Porto salientou que as accións agora aprobadas darán continuidade ás melloras desenvolvidas no quilómetro e medio anterior, o que suporá ter actuado a curto prazo en case 10 quilómetros deste vial. A voceira socialista precisou que as obras inclúen tanto a limpeza das cunetas como o posterior formigonado da vía.
A MELLORA DAS ESTRADAS, «UNHA PRIORIDADE»
No anuncio desta obra, García Porto aproveitou para lembrar que «cada venres trala Xunta de Goberno da Deputación estamos aprobando novas actuacións importantes nas estradas de titularidade provincial, o que dá boa conta de que a mellora das comunicacións é unha prioridade».
43.000 EUROS DE REMANENTES DO PLAN ÚNICO PARA ARRANXAR ACCESOS A NÚCLEOS NO INCIO
Tamén a comezos deste mes, a Deputación deu conta da aprobación de varias solicitudes por parte dos concellos para destinar remanentes do Plan Único a diversas actuacións. Así foi o caso de O Incio, que solicitou poder dispoñer de 43.000 euros deste concepto para o acondicionamento e mellora dos accesos aos núcleos de
Romariz e Santo Eufrasio.
SOBER DESTINARÁ CASE 18.000 EUROS DE REMANENTES A MELLORAR O PAVIMENTO EN TRES NÚCLEOS
Así mesmo, este mes saiu adiante a solicitude de Sober para destinar preto de 18.000 euros á rexeneración do pavimento nas Chouselas, O Boqueiriño e Cividade.•