A investigadora e divulgadora cultural Mar López Sotelo vén de presentar en Santiago o seu libro titulado “Esgrafiados na Ribeira Sacra e o Camiño de Santiago. Obras de arte e simbolismo nas paredes”, no que rexistra un total de 712 mostras desta técnica ornamental de fachadas e paredes, localizadas nos 21 concellos da Ribeira Sacra, así como en máis dunha decena de viais do Camiño de Santiago, camiños reais e vías romanas de Galicia.
TRABALLO “FORMIDABLE”
Na presentación do libro, López Sotelo estivo acompañada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que agradeceu o labor feito pola investigadora para “ofrecer unha fotografía do noso pasado e un gravado atemporal da nosa personalidade colectiva”. Rodríguez gabou o traballo “formidable” de López Sotelo en canto ao “prolífico labor de documentación, vocación divulgativa e coidado minucioso” na presentación das imaxes.
PANTÓN, O CONCELLO CON MÁIS ESGRAFIADOS
O libro, editado polo selo monfortino Agrasar, é o resultado de “varios anos de investigación sobre a influencia do comportamento humano no patrimonio cultural de Galicia”, segundo a autora. “A técnica do esgrafiado realízase mediante incisións cun grafio nas paredes enfoscadas aínda húmidas, e debuxando nelas formas ao gusto do artesán, que irá retirando certas partes para deixar ver os seus fermosos deseños en relevo”, indicou. López Sotelo destacou como características dos esgrafiados desta zona “que son historiados, proceden da arte parietal incisa e amosan unha clara influencia da arte románica”. Curiosamente, é no municipio de Pantón, o concello galego con máis densidade deste tipo de arte, o emprazamento que conserva un maior número de esgrafiados.
Ademais de deixar constancia dun importantísimo rexistro gráfico destas pezas, o libro de López Sotelo acuña o término “esgrafiados estilo galego”. A autora agradeceu o apoio recibido ao longo do proxecto polo doutor Rafael Ruiz, especialista en esgrafiados segovianos; de Enrique Sampil, director do IES A Pinguela de Monforte; e do Instituto Campus Stellae e o Colexio de Arquitectos de Galicia, entre outros.•