Desestacionalizar o turismo de balnearios é o obxectivo do programa Verán Termal, unha iniciativa que impulsa a Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia, xunto á Asociación de Balnearios de Galicia. Para financiar esta iniciativa, a Vicepresidencia da Xunta aporta unha partida de 100.000 euros.
O programa arrancou o pasado 19 de xullo, e estará en marcha ata o 30 de setembro, cunha oferta de 792 prazas en 12 balnearios da comunidade, de xeito que cada un deles teña dispoñibles para este programa un total de 66 prazas. Os usuarios poderán facer as reservas deste programa directamente no balneario.
PARA A POBOACIÓN GALEGA, E TAMÉN VISITANTES E PEREGRINOS
Segundo explicaron os responsables da iniciativa, o Verán Termal vai dirixido á poboación en xeral, sen limitación de idade ou procedencia, o que permite que se poidan beneficiar tanto os galegos como os visitantes ou peregrinos que veñana a Galicia este verán.
Dende a Xunta precisaron que o Verán Termal está encadrado no marco do Plan de Choque que o Executivo autonómico ten en marcha para reimpulsar os sectores máis afectados polas consecuencias económicas da crise sanitaria, neste caso o turismo termal.•