Dende xullo ata novembro, o programa Musiqueando vai ofrecer máis dun cento de actuacións por todas as comarcas lucenses. Esta iniciativa, impulsada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ten como finalidade incentivar a presenza da música tradicional galega nas celebracións populares.
DUPLICOUSE A DEMANDA
Dende o organismo provincial salientaron que este ano duplicouse a demanda deste tipo de actuacións, tendo en conta que a pandemia mermou de xeito notable o número de eventos festivos e culturais na provincia.
O calendario de actuacións estará a cargo de 40 grupos de música tradicional, 12 corais e 12 bandas, que inclúen preto de 1.000 voces e instrumentistas profesionais e do eido amador.
APOIO AO TECIDO DAS AGRUPACIÓNS MUSICAIS
Deste xeito, o programa Musiqueando fortalece o tecido de agrupacións que facilitan o acceso á música en todo o territorio, ao tempo que desenvolven un importante labor formativo, ao incluír no seu calendario de actividades clases de música e de baile.
A CUSTO CERO PARA AS ENTIDADES
A Vicepresidencia da Deputación asume o custo do 100% das actuacións, e ofrece aos grupos a posibilidade de facer unha gravación audiovisual da actuación, para poder ser difundida a través das redes sociais da institución no caso de cancelación por motivos sanitarios.•