• A Xunta constata o incremento no grao de cumprimento dos particulares nas obrigas de xestión da biomasa
• Remitíronse preto de 8.000 notificacións instando á limpeza de parcelas
A prevención dos incendios forestais concretouse en Galicia, entre outras medidas, a través do convenio subscrito en 2018 entre a Consellería do Medio Rural, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e a empresa pública Seaga.
UN 20% MÁIS DE SUPERFICIE PROTEXIDA EN TRES ANOS
En virtude deste convenio, a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias, que son as máis próximas ás vivendas, das parroquias priorizadas pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% en 2021. As cifras amosan o bo funcionamento do convenio, que é o resultado, entre outras medidas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, dando así cumprimento a un mandato da Cámara galega.
3 DE CADA 4PARCELAS XESTIONADAS CUMPREN AS OBRIGAS
Dentro deste convenio, a Xunta vén de comprobar o grao de cumprimento das medidas establecidas, revisando os traballos realizados en case 180.000 parcelas priorizadas. Nestes terreos, os propietarios poden facer a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. A inspección determinou un incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de lumes forestais, con tres de cada catro parcelas xestionadas.
NOTIFICACIÓNS
A inspección vai notificar a case 65.000 titulares a súa obriga de limpar os seus terreos e, no caso de non facelo, os concellos procederán de xeito subsidiario, cargándolles aos propietarios os custos correspondentes. Xa están notificados case 8.000 titulares dos 81 concellos priorizados, e preto de 31.500 son ilocalizables, polo que se publicarán as súas notificacións no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.
REVISIÓN EN ALDEAS NON PRIORIZADAS
Una vez inspeccionadas as parroquias priorizadas, a Consellería revisará este ano as parroquias non priorizadas dos 81 concellos con parroquias priorizadas. Con este fin, contratáronse 30 capataces para supervisar o estado de xestión da biomasa, que se suman a outras 15 persoas que xa estaban traballando nas parroquias priorizadas. Nesta revisión, estanse priorizando os municipios de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz. •
ASISTENCIA TÉCNICA PARA OS PLANS MUNICIPAIS DE PREVENCIÓN E FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS PARA OS CONCELLOS
• A Xunta continúa a dar apoio aos concellos galegos na tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios. Neste sentido, xa se levan remitidos 232 plans, dos que 130 xa están aprobados e outros 41 contan co informe favorable da Consellería do Medio Rural, e pendentes da aprobación polo Pleno dos correspondentes concellos.
Os concellos adheridos a este convenio teñen á súa disposición diversas ferramentas tecnolóxicas, como un visor de traballo que permite determinar e visualizar as parcelas afectadas por faixas secundarias. Outro dos recursos é a aplicación Xesbío, para xestionar os numerosos rexistros deste convenio. •
OUTRAS MEDIDAS DO CONVENIO ENTRE XUNTA E FEGAMP
• Xestión da biomasa en vías municipais ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, e 10 hectáreas de execución subsidiaria nas mesmas condicións.
• Posta en marcha de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias consideradas de especial trascendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación (xa hai 44 figuras deste tipo en varias fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia).
• Reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, para cubrir unha superficie cortalume de preto de 1.500 hectáreas.
• Apoio a iniciativas veciñais en faixas secundarias, como a entrega á Asociación Veciñal Axuge de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios.•