
Diversos actos ao longo do mes de agosto servirán para dar máis proxección aos produtos típicos de Quiroga.
XXX MOSTRA DO MEL DE QUIROGA CON MÚSICA E ANIMACIÓN
O martes 10 de agosto, coincidindo coa feira do mes, terá lugar a XXX Mostra do Mel de Quiroga, xornada que abrirá ás 11:00 horas coa actuación da Charanga Europa. Ao longo da mañá, de doce a dúas da tarde, haberá unha degustación de Meles 5 Estrelas no recinto da Feira, organizada por AGA. Xa pola tarde, a partir das 20:00 horas, celebrarase o concerto de Lys Pardo na Praza da Rúa Lago.
O ACEITE DE QUIROGA, POR SEGUNDO ANO NO STAND VIP DE LA VUELTA CICLISTA A ESPAÑA
O deporte de alto nivel tamén será unha excelente oportunidade para promocionar os produtos de Quiroga. La Vuelta Ciclista, que percorrerá a Península dende o 14 de agosto ata o 5 de setembro, incluirá nun dos seus stands promocionais o aceite de Quiroga. Este afamado produto estará presente no stand que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) colocará na zona vip de todas as saídas de etapa deste circuíto profesional.
Este ano, será a segunda vez que o aceite de Quiroga comparta con outros 19 produtos lucenses o stand promocional que a APEHL vén amosando de xeito itinerante dende hai oito anos ao longo do percorrido de La Vuelta Ciclista a España.
Na presentación do stand, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, salientou a importancia desta promoción nun evento que se retransmite a 190 países.•