O 24 de xullo, o Círculo Saviñao inaugurou a súa primeira exposición internacional, que reúne obras de 17 artistas portugueses e galegos actuais. Os participantes están integrados na súa maioría na Associaçao da Amizade e das Artes Galego Portuguesa que preside Conceiçao Ruiva e con sede en Figueira da Foz, que ao remate do acto, fixo entrega á asociación recreativo-cultural de Escairón de varios libros da súa autoría e documentos da asociación que preside, co fin de integralos nos fondos da biblioteca do Círculo. O seu presidente, Enrique Sampil, abriu o acto agradecendo a participación deste colectivo que une a arte máis actual a ambos lados do Miño, aspecto no que tamén insistiu na súa intervención posterior o alcalde de O Saviñao, Carlos Armesto. O rexedor procedeu á entrega dos certificados aos artistas, entre os que estaban Conceiçao Ruiva, Conceição Oliveira, Cosme Oliver, Alice Piloto, Mª Amelia Ramos (M.A.R), Dolores Guerrero, Manuel Nieto (Nietto), Paco Ascón, Tino Cuesta, Xesús Vázquez, Carmen Prado e Quique Muruáis. Ademais, a exposición amosa pezas de Leo García Méndez, Jaime Azedo, Pablo Galego, Javier San Martín e Miguel Pereiro.
Ao remate, Andrés Montes puxo a nota musical coa peza galega «Pomba dourada» de Emilio Batallán e a portuguesa «Garça perdida» de Dulce Pontes. A pintora Conceição Oliveira doou un cadro seu alusivo á pandemia ao Concello, con destino ao novo centro de saúde de Escairón.•