Presentan a Estratexia do Viño, que busca consolidar no mercado o sector vitivinícola galego e potenciar o turismo vinculado ás zonas de produción

•Cun investimento superior aos 700.000 euros, a Estratexia da Xunta incide nas dimensións económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas

Na imaxe superior, o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación da Estratexia do Viño, elaborada en colaboración coa Fundación Juana de Vega. GPXG

A Xunta vén de presentar a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que persegue consolidar os nosos viños nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

46 MEDIDAS E CASE 300 ACCIÓNS
A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia artéllase en 46 medidas e 299 accións estruturadas en sete eixes estratéxicos. Así, no primeiro eixe relativo á cooperación, búscase incrementar a dimensión do sector vitivinícola e fomentar a colaboración entre as diferentes comarcas implicadas para afrontar os retos da internacionalización. No segundo eixe, sobre a viticultura e a produción de uva, habilitarase un programa de mobilidade da terra, recuperación de superficies abandonadas e reestruturación parcelaria para asegurar a rendibilidade das explotacións. No terceiro eixe, adicado ao fortalecemento da industria vitivinícola, contémplase impulsar proxectos de cooperación entre pequenas adegas priorizándoos nas axudas públicas, e a habilitación de liñas dirixidas a facilitar o acceso ao crédito á industria vitivinícola con mecanismos como o préstamo vendima.
No cuarto eixe, centrado na comercialización e nos mercados, proponse deseñar o mapa de posicionamento dos viños de Galicia nos distintos segmentos de mercado en función das tipoloxías de consumidores e diversificar o portfolio de viños das Denominacións de Orixe Protexidas, entidades a cuxa organización adícase o quinto eixe da Estratexia.
PULO AO ENOTURISMO E Á PAISAXE
Pola súa parte, o sexto piar do documento refírese ao turismo e ao enoturismo, para eliminar as restricións á implantación de adegas e complexos enoturísticos en solos rústicos e incorporar novas categorías de aloxamentos turísticos vinculados ao enoturismo, realizar campañas de concienciación sobre as oportunidades deste negocio e crear liñas de axuda ao efecto. O sétimo e último eixe está relacionado co patrimonio natural, cultural e a paisaxístico, coa redacción dun atlas das paisaxes vitivinícolas de Galicia, a realización dun inventario dos viñedos máis antigos para a súa protección e promoción e a catalogación das paisaxes máis características, entre outros aspectos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Consorcio Ribeira Sacra amplía o seu orzamento e prepara unha nova imaxe corporativa

Seguinte Nova

A mostra de autómatas Kinetiko percorre nove concellos da zona sur ata setembro

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss