•A cantante e compositora Eva Amaral lerá o pregón o 11 de agosto
Os días 11 e 12 de agosto, terá lugar en Sober a XLI Feira do Viño de Amandi, celebración que vai precedida por unha variada axenda de actos, dentro da programación do Mes de Amandi. Na presentación do programa, deuse a coñecer o cartel anunciador, deseñado nesta ocasión por Eduardo Pérez Bahamonde, e comunicouse que o Concello de Chantada será o municipio invitado na presente edición. Así mesmo, o pregón deste ano estará a cargo de Eva Amaral, cantante, compositora e integrante do grupo de rock Amaral.
CATAS, MARIDAXE, XORNADAS TÉCNICAS E EXPOSICIÓN COS ACHADOS DE PROENDOS
As actividades arrancaron o 3 de agosto cunha xornada técnica sobre a planificación e o deseño de plantacións de castiñeiros, e continuou cunha cata comentada en Tapería Tear de Cadeiras, o día 5, a cargo de Cristina Mantilla, enóloga e docente na Escola de Hostalería de Rosende. Para o día 6, anunciouse a presentación da exposición permanente do material atopado nas escavacións de Proendos.
Xa o 9 de agosto, haberá unha xornada de xantar e maridaxe no restaurante Berso, a cargo da sumiller Elisabet Castro, e o día 10, unha xornada técnica sobre nocións básicas de cata na Escola de Hostalería, dirixida pola sumiller Isabel Lozano Verdes.
PROGRAMA DOS DÍAS DA FEIRA DE AMANDI
O mércores 11 de agosto arrancará a XLI Feira do Viño de Amandi, coa apertura oficial, ás 11:00 horas, pola familia de Benito Rivas Valdés, recentemente falecido, que foi un dos cofundadores deste gran evento enolóxico. A continuación, terá lugar a actuación da Banda de Música de Sober, e ás 12:00 horas, a cantante Eva Amaral lerá o pregón da Feira de Amandi.
O xoves 12 de agosto, actuarán ás 11:00 horas Os Xograres de Lemos, e media hora despois dará comezo a Cata Oficial da Feira, na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober, e ao final da mañá procederase á entrega dos premios do Concurso de Cata.
Para acceder ao recinto da Feira, será preciso dispoñer de entrada, xa que o aforo é limitado debido á normativa hixiénico-sanitaria.
MÁIS MÚSICA NA PRAZA DO TOURAL
A programación do Mes de Amandi seguirá o 18 de agosto, cun concerto dos Gin Toni’s na Praza do Toural, ás 22:00 horas. O sábado 21, a partir das oito da tarde, a Banda de Música de Muimenta ofrecerá un concerto na Praza do Toural. Este mesmo espazo acollerá un dos actos de peche da programación o venres 27, co Concerto á Luz da Lúa da Banda de Música de Sober, a partir das dez da noite.
EXPOSICIÓN DOS 40 CARTEIS A CONCURSO
Ademais, durante todo agosto pode verse no Centro Sociocultural a exposición cos 40 deseños presentados ao Concurso de Carteis da XLI Feira de Amandi, que tivo como gañador ao vilalbés Eduardo Pérez Bahamonde, e como áccesits aos traballos de Isabel Núñez Montero de Pontevedra, Alfonso Giménez Ventura de Betxí (Castellón), Maica Otero Cores, de A Illa de Arousa e Irimia Codés Lillo, de Lourenzá.•