• Redacción- MONFORTE. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade realizará novas intervencións de mellora no CEIP Virxe do Carme de Sober. Desta volta, licitáronse en 260.400 euros as obras de mellora da eficiencia enerxética no inmoble.
AFORRO ECONÓMICO E MENOR IMPACTO MEDIOAMBIENTAL CON ESTAS MEDIDAS
Segundo precisaron dende o departamento autonómico, os traballos van mellorar o illamento térmico, ademais de diminuír o consumo en luz e calefacción, reducindo así os custos de mantemento e a emisión de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. Con este fin, instalaranse luminarias tipo LED para substituír aos tubos fluorescentes actuais, ademais de colocar sistemas de detección de movemento para o acendido e apagado das luces. Tamén se van cambiar os radiadores obsoletos de chapa por outros elementos de aluminio. No salón de actos, instalarase tarima flotante, e se levantarán dous tabiques novos con portas interiores, ademais de acondicionar o falso teito e os perfiles de madeira sobre as ventás.
Na licitación tamén se inclúe a construción dunha rampla, co fin de mellorar a accesibilidade ao centro educativo. •