O CONCELLO RESERVA PARA 2022 A CONMEMORACIÓN DOS 25 ANOS DA CORAL POLIFÓNICA DE MONFORTE

Anuncio da programación para celebrar en 2022 o 25º aniversario da Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos. GPCM

• Redacción – MONFORTE. Este ano, cúmprese o 25º aniversario da Coral Polifónica do Concello de Monforte, pero a pandemia obrigou a anular todo tipo de celebración, á espera de mellores condicións epidemiolóxicas. Por este motivo, dende o Consistorio anunciaron que será en 2022 cando se leven a cabo os actos para conmemorar a fundación desta entidade cultural de gran traxectoria na cidade do Cabe.

CONCERTO ESPECIAL
O anuncio do programa conmemorativo fíxoo o alcalde, José Tomé, a comezos de setembro, acompañado pola concelleira de Cultura, Marina Doutón; a actual presidenta da Coral, María del Carmen Lobo, e por Ramón Rodríguez Buján, que presidiu a entidade dende a súa fundación en 1996 ata o ano 2019. O acto estrela da celebración será un concerto especial no que a Coral monfortina compartirá escenario cunha formación musical de prestixio que se anunciará oportunamente. Así mesmo, o concerto servirá para render homenaxe aos integrantes da Coral xa desaparecidos, ou que abandonaron a entidade ao longo destes anos.

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
A lembranza dos primeiros 25 anos da Coral Polifónica do Concello de Monforte poderá verse a través dunha exposición con imaxes das actuacións máis destacadas e das viaxes que a formación realizou ao longo da súa existencia. A mostra gráfica complementarase coa proxección de varios audiovisuais.
A axenda conmemorativa do primeiro cuarto de século da Coral Polifónica do Concello de Monforte de Lemos incluirá unha conferencia sobre o canto coral en Galicia, a cargo de expertos na materia, e un Curso Coral. Así mesmos, o programa das Festas Patronais de Monforte para 2022 integrará un escrito específico sobre o XXV aniversario da Coral e a súa historia.

MATERIAL CONMEMORATIVO DESTE 25 ANIVERSARIO
O programa culminará coa edición dun lápiz de memoria no que se incluirán gravacións referidas á Coral, e que será entregado polo Concello aos membros da entidade e ás súa familias, así como un pin conmemorativo.Tamén se adquirirá unha peza de artesanía para o expositor que a Coral ten no Edificio Multiusos.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O polígono do Reboredo mellorará os accesos e contará cun viveiro de empresas cos case 318.000 euros en axudas da Xunta

Seguinte Nova

VERÁN CULTURAL NA POBRA DO BROLLÓN CO 4º CAMPO DE VOLUNTARIADO NO CASTRO DE SAN LOURENZO

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: