• Redacción – MONFORTE. O verán é tempo de feiras e celebracións, e este ano, aínda que a pandemia limitou de xeito importante a súa posta en marcha, non faltaron ocasións de desfrutar da gastronomía e da paisaxe do sur de Lugo.
MÚSICA EN DIRECTO, ARTESANÍA E POLBO NA 3ª FEIRA DO TURISMO E DO PEREGRINO
Ao longo do mes de agosto, Samos acolleu dúas tradicionais citas festivas. A terceira edición da Feira do Turismo e do Peregrino reuniu no campo da festa unha exposición de artesanía, que abriu cunha proxección dun vídeo de promoción turística do municipio de Samos e do Camiño Francés nunha pantalla xigante. A xornada completouse coas actuacións musicais de La Ocaband e Pili Pampín, e postos de degustación de polbo á feira.
O evento, marcado polas medidas hixiénico-sanitarias, contou co apoio da Deputación, que aportou 16.000 euros a través do Plan Único.
25 EXPOSITORES NA FEIRA DE ARTESANÍA E PRODUTOS NATURAIS
O calendario de celebracións incluiu tamén a edición número trece da Feira de Artesanía e Produtos Naturais de Samos. Con todas as medidas de seguridade para participantes e público, a Feira congregou na Ponte Lóuzara a un total de 25 expositores procedentes de toda Galicia, o que supuxo a redución a case a metade do aforo de edicións anteriores.
Para organizar esta feira, a Deputación achegou 4.000 euros a través do Plan Único. Segundo explicou o presidente do organismo provincial, José Tomé, na visita á Feira, a cita «contribúe a dinamizar a vida social e económica do concello de Samos dende 2008, cando naceu para recuperar a antiga feira neste espazo». •