• Redacción- MONFORTE.
A comezos de setembro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou unha visita á capitalidade do Saviñao, para inaugurar o novo centro de saúde situado en Escairón. Nestas instalacións, o Executivo autonómico investiu 1,12 millóns de euros.
8 MILLÓNS DE EUROS DA XUNTA EN NOVOS CENTROS DE SAÚDE NA ZONA SUR
Feijóo aproveitou a visita para facer un balance dos investimentos da Xunta na mellora das instalacións sanitarias na zona sur de Lugo, un «compromiso» que se verificou, segundo o mandatario provincial, nun investimento de 8 millóns de euros. Nesta cifra, están incluídos os novos centros de saúde de Carballedo, Sarria e Monterroso, e a próxima licitación dun espazo similar en Antas de Ulla.
Durante a súa visita ao centro de saúde, acompañado polo alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, e polo delegado da Xunta na provincia, Javier Arias, o presidente coñeceu as novas dotacións sanitarias do Saviñao, con sete consultas, unha zona pediátrica con consulta de enfermería, unha sala de mostras e outra para reunións, e unha sala de estar.
O PRIMEIRO INVESTIMENTO DO PLAN DIRECTOR, PARA ARRANXAR O HOSPITAL DE MONFORTE
Núñez Feijóo fixo referencia tamén ás obras de reforma en marcha no Hospital Público de Monforte, que supoñen, segundo o titular autonómico, os primeiros 1,5 millóns de euros dun Plan Director que se vai desenvolver durante os próximos anos, e que estará dotado con 15 millóns de euros.•