• O programa, dotado con 4 millóns de euros, axudará a 1.000 pemes e autónomos galegos fomentando proxectos de dixitalización

• Redacción- MONFORTE. Ata o 30 de setembro está aberto o prazo para solicitar as axudas dunha nova edición do Cheque Dixital, unha iniciativa que o ano pasado tivo unha boa acollida por mor da crise económica derivada da pandemia da covid-19. Esta iniciativa da Xunta de Galicia trata de axudar a 1.000 pemes e autónomos galegos para que melloren a súa competitividade a través do fomento de proxectos no eido da dixitalización.
APOIO Á ADAPTACIÓN Á SITUACIÓN DA PANDEMIA EN TODO O TERRITORIO
O obxectivo das achegas do Cheque Dixital é a reactivación do tecido empresarial de Galicia mediante a transformación tecnolóxica e do impulso aos procesos de dixitalización. O ámbito destas achegas económicas é amplo, xa que inclúe tanto ás grandes como ás pequenas empresas, por todo o territorio da comunidade, e con especial atención ao ámbito rural.
CONTÍAS DOS INVESTIMENTOS SUBVENCIONABLES
Na convocatoria do Cheque Dixital, os solicitantes deberán acreditar uns gastos de entre 1.500 e 12.000 euros, cubrindo as achegas ata un 80% do custo dos proxectos. Ademais, a liña dá a posibilidade de obter un anticipo da metade do orzamento.
CONTINUIDADE NA APOSTA POLA DIXITALIZACIÓN DO TECIDO EMPRESARIAL
O Cheque Dixital vén poñer un novo chanzo na aposta do Executivo autonómico pola dixitalización do tecido empresarial. Nesta dirección, están en marcha diversos programas, como as axudas e talleres á dixitalización Industria 4.0, dotado con 7,4 millóns de euros, ou o programa Galicia Exporta Dixital, con 6 millóns de euros.
No marco do Pacto pola Dixitalización que promove o Goberno galego, o ano pasado mobilizáronse en conxunto preto de 36 millóns de euros entre o tecido empresarial de Galicia, coa finalidade de facer da transformación dixital un elemento moi destacado da cultura empresarial galega.•

