O presidente da Xunta declara que «seguiremos dando os pasos necesarios para conseguir que a Unesco declare a Ribeira Sacra Patrimonio da Humanidade»
• Redacción- MONFORTE. A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja.
Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, na súa 33ª sesión, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma —18 da provincia de Lugo e 5 da de Ourense cunha poboación total de máis de 75.000 habitantes— como para o conxunto de Galicia. Así, lembrou que coa incorporación da sétima reserva da biosfera, a superficie que conta en Galicia con este recoñecemento internacional increméntase ata chegar a case o 35% de todo o territorio; pero tamén suporá que o 42% da Comunidade quede amparado baixo algunha figura de protección, afianzando o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo. De feito, a Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.
Tras a proclamación por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
Subliñou a conselleira o carácter participativo do proxecto impulsado a finais do ano 2017 e agradeceu o traballo e a implicación de todas as administracións, institucións públicas e privadas e colectivos e axentes sociais que contribuíron nestes anos ao éxito da candidatura.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aplaudiu a declaración da Unesco da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera; “un recoñecemento -afirmou-, que enxalza o valor singular deste territorio a nivel internacional; un premio á singularidade dun enclave único”.
Só dúas horas despois de coñecer a nova e no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, Feijóo aseverou que con esta distinción a Unesco dá consideración global á vocación de Galicia coa preservación da paisaxe; “unha paisaxe que nos liga co pasado, que vertebra o presente, que nos preservará no futuro e que debemos seguir protexendo entre todos”, aseverou, incidindo en que a Comunidade é e será inflexible cos que queiman o monte, calcinando a riqueza natural, sementando a discordia e liquidando o patrimonio de milleiros de familias.
Así mesmo, afirmou que esta declaración anima a seguir levando o nome da Ribeira Sacra por todo o mundo para que sexa redescuberta, especialmente no marco do Ano Santo bienal. “O turismo sustentado no patrimonio cultural, na viticultura, na gastronomía ou nas rutas por estas fragas integran unha experiencia única”, dixo, facendo fincapé en que a particularidade desta contorna invita a un turismo sosegado, en contacto co medio natural, sen renunciar a ser unha fonte de dinamismo e actividade para esta gran parte do interior do país.
Feijoo quixo tamén dar as grazas aos membros do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural e da Fundación Juana de Vega por participar na candidatura; así como aos alcaldes e representantes dos 18 concellos lugueses e dos cinco ourensáns, aos presidentes das Deputacións e a todas as entidades como o Consorcio de Turismo e a Denominación de Orixe, “por sumar forzas en aras do interese común”.
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, mostrou a súa satisfacción pola declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera pola UNESCO.
RECOÑOCEMENTO A NIVEL INTERNACIONAL
“É sen dúbida unha moi boa noticia, para a Ribeira Sacra e para o conxunto da provincia de Lugo, porque supón un recoñecemento a nivel internacional da riqueza medioambiental coa que contamos, dálle visibilidade e abre novas oportunidades moi interesantes para a conservación de todo ese patrimonio e, ó mesmo tempo, para o desenvolvemento sostible do territorio, tanto social como económico, tal e como promove a filosofía do programa MaB”, subliñou José Tomé.
O FUTURO DUN TERRITORIO CON CARACTERÍSTICAS ESPECIAIS
O mandatario provincial engadiu que distincións coma esta son importantes “polo que teñen de punto de partida e de significado para o futuro. Este recoñecemento é unha nova ferramenta para promover medidas e iniciativas que contribúan a aproveitar o valor medioambiental para promocionar o territorio, un territorio que ten unhas características especiais, como é a Ribeira Sacra”.
EXPERIENCIA NO MODELO DE XESTIÓN ESIXIDO POLAS DIRECTRICES DA UNESCO
A Deputación de Lugo, lembrou o Presidente, ten moita experiencia na repercusión que supón este tipo de recoñecemento da UNESCO, dado que é a entidade xestora das Reservas Terras do Miño –a máis extensa e a primeira que se recoñeceu en Galicia– e a de Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. “Temos un modelo de xestión que respecta as directrices Mab da Unesco, que combinan o respecto e a preservación do medio ambiente co seu aproveitamento sostible e coa aposta polo desenvolvemento do rural. Un modelo que fomenta a participación do conxunto dos axentes sociais, dende asociacións veciñais, culturais, ecoloxistas ou produtores locais. Unha liña de traballo que está dando bos resultados”, asegurou José Tomé.
LUGO TEN O 60% DA SUPERFICIE BAIXO PROTECCIÓN DE RESERVA DE BIOSFERA
A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a sétima Reserva da Biosfera declarada en Galicia. Catro delas atópanse total ou parcialmente na provincia de Lugo, porque á recén nomeada súmanse as de Terras do Miño; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Desta forma, Lugo ten en torno ao 60% da superficie baixo a figura de protección de Reserva da Biosfera, o que a converte na provincia de España que máis territorio ten dentro da reservas.•