
O tempo pasa moi rápido, custa asimilar que xa transcorreron 15 anos desde aquel 30 de setembro de 2004 no que se formalizaba a creación da Rede Museística Provincial.
MUSEOLOXÍA
SOCIAL
A idea era que, ao amparo da Deputación de Lugo, creásese un soporte para levar a cabo as actividades do Museo de Lugo e o Museo do Mar de San Cibrao, e posteriormente tamén do Museo Fortaleza de San Paio de Narla e do Pazo de Tor que se incorporaron máis tarde, a través da adquisición da propiedade ou da xestión, á institución provincial.
O nacemento da Rede consolidou unha forma de organización do traballo fundamentada nas premisas da museoloxía social e que prioriza a escoita e a integración da comunidade e as propostas vinculadas ao territorio no que se asenta cada un dos museos.
UN RONSEL DE
FUTURO
Coincidindo con este quince aniversario, o auditorio da Facultade de Humanidades do Campus Terra de Lugo acolleu a estrea dos dous primeiros capítulos da webserie “Un ronsel de futuro”, un proxecto realizado por Señor López Producións que amosa, a través da linguaxe audiovisual, os contidos materiais e emocionais dos catro museos, así como documenta a súa historia e patrimonio.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, puxo en valor a traxectoria da Rede Museística, destacando “o traballo feito durante estes quince anos para achegar a actividade artística e o patrimonio a públicos moi diversos”. Sinalou especialmente a relevancia e a visibilidade que o Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor, que se musealizaron coa súa integración na rede, adquiriron como espazos expositivos e centros de difusión cultural e patrimonial”.
XESTIÓN CULTURAL
A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, sinalou que a escolla do escenario para a estrea se debía “a estreita relación entre a Rede Museística e a Facultade de Humanidades, especialmente a través do grao e o máster de Xestión Cultural, e da vontade dos museos de traballar na conservación, estudo e difusión do patrimonio con outras entidades, asociacións e colectivos. Tecendo redes con todas e todos”.
PROXECTO ABERTO A CENTROS ESCOLARES
O proxecto está aberto ademais á participacion dos centros escolares a través dunha actividade incluída na programación didáctica que a Rede ofrece á comunidades educativa.
Aqueles centros escolares que realicen algunha das actividades didácticas, cuxo catálogo pode consultarse na web comunidadermpol.es serán convidados a realizaren un vídeo de entre 5 e 6 minutos, para recoller a experiencia ou o aprendido durante a mesma.
Ao remate do curso escolar, premiaranse as mellores creacións.•