
Galicia disporá dun total de 6,4 millóns de euros procedentes dos fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para investir en actuacións e medidas a desenvolver nas sete reservas da biosfera existentes na Comunidade. Este foi un dos asuntos centrais da última reunión do Comité español do Programa Man and the Biosphere (MaB), na que participou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, en nome da Xunta.
Falouse das oportunidades que este financiamento extraordinario suporá para as 53 reservas da biosfera españolas así como dos criterios de distribución das contías asignadas a cada territorio. No caso de Galicia, a Xunta contará con 1,3 millóns de euros para investir nas tres reservas da biosfera baixo a súa xestión directa —Transfronteiriza Gerês-Xurés; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel—, mentres que os xestores das outras catro reservas galegas —Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo— contarán en total con 1,8 millóns de euros. Así mesmo, Galicia recibirá 2,7 millóns de euros para un novo programa de subvencións para os 86 concellos localizados nalgún dos sete territorios amparados baixo esta figura, e medio millón de euros para outra liña dirixida, neste caso, a entidades do terceiro sector e comunidades de montes destas zonas.•