![](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2021/10/VIVENDASALUGUER-r.jpg?resize=1020%2C574&ssl=1)
A Xunta incrementa en 1.055.000 euros a dotación da convocatoria de axudas ao alugueiro do plan de vivenda publicada o pasado 30 de marzo, segundo Resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo que tiña unha dotación inicial de 2.272.000 euros. Dado o volume de solicitudes presentado, agora incrementase dita dotación con 1.055.000 euros, polo que se concederán axudas por importe de 3.327.000 euros. Esta ampliación dos fondos non significa que se vaia abrir un novo prazo de presentación de solicitudes, senón que se incrementa para atender o maior número de peticións presentadas e que cumpran os requisitos. Máis de 6.000 persoas entregaron as súas solicitudes, que se resolverán antes de finais de ano. A Xunta tamén realizou este ano unha convocatoria de axudas para o pago do alugueiro por parte de persoas en situación de vulnerabilidade como consecuencia da covid-19, cun orzamento de 2 millóns de euros. Tamén facilita o acceso á vivenda a través do Bono de alugueiro social e o Bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero, que en 2021 dispoñen dunha dotación total de máis de 7,1 millóns de euros. Estes tres programas mobilizan case de 12,5 millóns de euros para facilitar un fogar en réxime de alugueiro aos galegos.•