A Xunta e as cinco Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia están a celebrar este outono unha nova edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños, que inclúe por vez primeira unha fin de semana para cada unha delas baixo o lema Volvemos a brindar.
No marco desta iniciativa, a Ribeira Sacra acolleu visitas guiadas e de balde ás 11 adegas participantes na promoción con actividades e itinerarios variados con paradas en lugares de interese como o EcoMuseo de Arxeriz, o Centro Oleiro Rectoral de Gundivós (Sober), o mosteiro das Bernardas (Pantón) o Museo do Viño da Ribeira Sacra (Monforte de Lemos), unha visita teatralizada ao Pazo de Tor (Monforte) e a outros espazos de referencia como os miradores.
ENOTURISMO
O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou o valor engadido que achega o viño para dinamizar a oferta turística da Ribeira Sacra durante todo o ano. No transcurso dunha visita á adega Abadía da Cova (O Saviñao) no marco das 10ª Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, Arias apuntou que “a viticultura e o viño son inseparabales doutros sinais de identidade desta zona como a paisaxe e o patrimonio, polo que é un acerto aproveitar en conxunto esas fortalezas para seguir consolidando este territorio como un destino único que ofrece infinitas posibilidades”.
Arias puxo en valor o apoio da Xunta con iniciativas como as xornadas de portas abertas que chegan este outono á súa décima edición ou os traballos de sinalización da Ruta dos Viños desta denominación de orixe, que están actualmente en execución cun investimento próximo aos 140.000 euros.•