Galicia xa ten abertas axudas para instalacións de autoconsumo e de almacenamento no eido empresarial
• Redacción- MONFORTE. A Xunta de Galicia destinará 37 millóns de euros a promover as enerxías renovables, o autoconsumo e o almacenamento enerxético entre particulares, empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. O obxectivo destas medidas é mobilizar 98 millóns de euros, favorecer aforros económicos de 10 millóns de euros ao ano e reducir as emisións anuais de CO2 en 33.100 toneladas, o que equivale a plantar 1.655.000 árbores.
PRIMEIRAS LIÑAS DE SUBVENCIÓNS XA CONVOCADAS
Dentro destas medidas, en Galicia xa están abertas as axudas que van impulsar instalacións para autoconsumo, así como o almacenamento no eido empresarial. Serán beneficiarios destas axudas as empresas, incluíndo as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais.
APOIOS PARA O SECTOR SERVIZOS E OUTROS SECTORES PRODUTIVOS
Estas axudas van destinadas tanto ao sector servizos como para outros sectores produtivos, co obxectivo de levar adiante proxectos de autoconsumo con enerxías renovables con ou sen almacenamento, para o que se destinan 17,2 millóns de euros. Tamén se vai apoiar o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos cunha dotación de 2,6 millóns de euros.
AFORRO DE 7 MILLÓNS DE EUROS ANUAIS NA FACTURA ELÉCTRICA
Con estas subvencións, convocadas en concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, preténdese mobilizar un total de 60 millóns de euros, ademais de acadar aforros anuais de 65.000 MWh/ano, e unha redución das emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores. Así mesmo, as axudas permitirán aforros enerxéticos de 7 millóns de euros ao ano na factura eléctrica.
A estas medidas, hai que engadir os 11,5 millóns de euros para fomentar o autoconsumo eléctrico entre particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións, e os case 5,7 millóns para renovables térmicas no sector residencial. Estas dúas liñas abriranse en decembro.
POR UNHA GALICIA MÁIS VERDE
Con estas iniciativas, a Xunta segue a apostar por unha Galicia máis verde, para avanzar na transición ecolóxica a través do fomento das enerxías renovables entre todo tipo de usuarios. Ademais, as axudas servirán para dar apoio ás familias e ao tecido empresarial nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz.•
DÚAS LIÑAS DE AXUDAS ABREN A CONVOCATORIA EN DECEMBRO
•Unha das liñas, en concorrencia non competitiva, destina 11,5 millóns de euros para fomentar o autoconsumo eléctrico a partir de renovables entre particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. A intensidade da axuda varía en función da instalación, pero estímase que vai permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano, ademais de mobilizar 28 millóns en investimento.
Así mesmo, activarase unha convocatoria de renovables térmicas dirixida ao sector residencial para apoiar proxectos de aerotermia, xeotermia, biomasa ou solar térmica, dotada con case 5,7 millóns de euros. Nesta liña, o volume da axuda tamén varía, pero calcúlase que os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. Ademais, estímase unha mobilización de preto de 10 millóns de euros, e aforros económicos de 500.000 euros ao ano.
COMO SOLICITAR ESTAS AXUDAS
Estas dúas liñas estarán abertas ao longo do mes de decembro. Os proxectos presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou unha comunidade de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.•