• Redacción- MONFORTE. a Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril (AMAFER), no 25 aniversario da súa constitución, desenvolveu unhas xornadas no Centro Cívico de Monforte que contaron coa participación no acto inaugural do Alcalde José Tomé. Na súa intervención, na que estivo acompañado polo presidente de AMAFER, Fermín Avellaneda, o Alcalde incidiu na obriga que ten Monforte de “seguir xogando un papel principal no desenvolvemento do ferrocarril en Galicia”. O mandatario monfortino reafirmou o seu compromiso “firme e decidido» co ferrocarril, e salientou a importancia de AMAFER, «asociación coa que colaboramos estreitamente e que forma parte da cultura e da identidade de Monforte”.
Con posterioridade, celebráronse dúas mesas redondas, a primeira co título “A importancia de conservar a memoria histórica das organizacións/institucións” e contou coa participación do Director do Museo do Ferrocarril de Madrid, Francisco Polo, e da Directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro.
A segunda abordou o futuro do ferrocarril en Galicia, unha mirada á explotación comercial da rede férrea, coas intervencións do Subdirector de Estaciones Noroeste de ADIF, Víctor Barrós, e o representante institucional de RENFE en Galicia, Javier Pérez.
A Casa de Cultura de Monforte acolleu unha exposición retrospectiva coas principais actividades de AMAFER ó longo dos seus 25 anos de historia. •