
• Redacción- MONFORTE. Do 21 de outubro ao 6 de novembro, desenvolveuse en Pantón un proxecto arqueolóxico para indagar nas orixes da Ribeira Sacra. A campaña, que tivo lugar na área de Preguntoiro, xuntou a un equipo multidisciplinar integrado por 10 investigadores de institucións como a Universidade de Lisboa, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC ou a Universidade Complutense de Madrid. O equipo traballou baixo a coordinación de Sonia García Rodríguez e a dirección de Xurxo Ayán Vila.
Os especialistas, logo da limpeza da vexetación, procederon a realizar sondaxes arqueolóxicas, rexistrar e interpretar inscricións rupestres, e realizar a fotogrametría dixital dos restos para o seu mellor estudo e divulgación.
A campaña pretende, ademais de indagar nas orixes da Ribeira Sacra, afondar nos primeiros tempos do mosteiro de San Vicente de Pombeiro, conectado co xacemento por unha calzada medieval.
Os traballos están cofinanciados con 24.000 euros a través dun convenio entre a Xunta e o Concello de Pantón. •